Aínda co rescoldo pascueiro desta pasada fin de semana, queremos facervos chegar a todos e cada un dos que fixestes posible esta celebración, un saúdo moi agarimoso, un abrazo e toda a gratitude posible.
Sabiamos que, dun ou doutro xeito, este encontro se convertería nun punto de unión entre o pasado, o presente e o futuro da Pascua Xoven de Arousa. Os grupos de orixe actuais (Santa María de Pontevedra, Ceibes, Bergondo, Golfiños, Espiral e Xunq-Font) puideron compartir o percorrido de todo o ano con pascueiros de sempre e con outros que, de seguro, o serán dentro de pouco.
Tivemos anécdotas, humor, emoción, sentido da vida, proxectos, auga, moita auga!, música da boa e, sobre todo, puidemos atoparnos con Xesús de Nazaret, ao que lle agradecemos a pegada que tódolos pascueiros deixan nas nosas vidas.
Aqui podes ver algunas imaxes desta PASCUA XOVEN 2023
Máis aló das nostalxias, vimos de vivir unha Pascua chea de esperanza e alegría, preparada con cariño e esforzo de parte de tódalas persoas que aportaron o seu gran de area.- GRAZAS ás Irmás Filipenses que nos abren as portas da súa casa para que poidamos vivila Pascua todos xuntos nun espazo que nos é tan querido dende os comezos.
- GRAZAS a don Francisco José, arcebispo electo da nosa diocese, por querer compartir con nós un momento tan especial para os pascueiros como é a celebración do perdón, na que nos adicou unhas palabras ao fío da recén bautizada “parábola dos abrazos”.
- GRAZAS aos curas que nos acompañan ao longo de todo o ano e, especialmente, facéndose presentes na Celebración do Perdón e na Eucaristía. Sabemos que fan un gran esforzo e téñennos moi presentes na súa oración.
- Neste grupiño, queremos agradecerlle, moi especialmente, a Manuel e Aldao, que comparten o día a día do proceso da Pascua, dende setembro. Agradecémoslle moito a Deus que puideramos compartir con Aldao esta Pascua tan especial, pois é o único que pode falar das 50, e continúa a demostrar un cariño inmenso por esta “pequena mociña”, como nolo fixo saber o sábado durante a testemuña e na celebración da Eucaristía.
- GRAZAS a todos os que participastes na animación musical desta 50 Pascua Xoven de Arousa, dende os máis noviños ata os que vos animastes a retornar; sempre logrades, coa música, este ano especialmente, que vivamos a Pascua en 3D: altas emocións, ampliándonos o ancho da perspectiva musical cristiá, e profundidade na mensaxe. Ademais, tiveron o encargo, encabezados por Bea, de conducir o Pascua-K-fe, que tan fermoso e divertido resultou.
- Moitas GRAZAS a Migueli! Xa perdemos a conta das veces que, tan alegremente, quixo compartir con nós a súa música e testemuña. Nunca defrauda, sempre nos lembra o esencial do Evanxeo de Xesús: as persoas, o ben, a misericordia.
- GRAZAS á Delegación de Pastoral Xuvenil, na persoa de Javi García e Santi Romero, que nos acompañan nas reunións e tamén no encontro, ademais de favorecela difusión da Pascua Xoven de Arousa.
- GRAZAS aos animadores e responsables, que tan ben coidan, dinamizan e atenden a tódolos rapaces e rapazas ao longo do día (e tamén da noite). Gustaríanos que este agradecemento chegase a todos e cada un dos grupos: actuais e históricos, pois a pegada de cada un segue a construír a Pascua Xoven de Arousa.
- Moitísimas GRAZAS ás mulleres da Xunqueira, que están ao pendente de que non quedemos sen forzas, preparándonos o almorzo e os bocatas.
E, por último, un agradecemento a todos o que están e, ao mellor, non se vén con tanta claridade, pois son os encargados de coordinar o encontro, de colgar pancartas, de vixiar o recinto, de traer plásticos para que as tendas non se mollen, de achegarnos a auga da eucaristía que esquecemos levar; as familias, os amigos e a toda a xente que, dun ou doutro xeito, fai posible que celebremos a Pascua Xoven de Arousa.
Para a memoria da L Pascua Xoven de Arousa
Para que a memoria desta edición tan especial quede o máis completa posible, enviade o máis pronto que poidades, todo o que teñades sobre as conclusións do traballo do curso, oracións, penitencial, eucaristía, … Incluso algunha imaxe fermosa (de seguro que tendes moitas!) para que a memoria sexa, tamén, moi visual.
Podedes enviarllo a Fátima (Golfiños) e a Manuel Cachaldora.
Vémonos o 13 de maio!
Ás 10:30 da mañá, na Xunqueira, o sábado 13 de maio faremos a valoración xeral da L Pascua Xoven de Arousa. Tamén pensaremos o que virá de cara a Pascua 51.
Agardamos por vós!
Non esquezas que…
13 de maio | 30 de setembro |
|
|
PAGA A PENA SEGUIR…
E sen máis, unha gran aperta.
O Secretariado