Dende 1989 o Obradoiro Parroquial é un espacio para a arte, o teatro, a cultura, a música e o debate…

O que a continuación reproducimos é un artigo de don Xosé R. Manteiga datado na primavera do 1995, ano no que comenzou a súa fatídica doenza.

Quere ser tamén unha homenaxe á súa preocupación polo diálogo entre a cultura e a fe.

obradoiro

 

Sen esquece-las raíces para non deixarse levar polo vento tolo –hoxe para aquí e mañá para alí-, a novos tempos, novos estilos e novas configuracións das institucións. Isto pasa con todo o que ten que pasar cunha institución como a parroquia.

Dende vellos tempos, Galicia está dividida en parroquias –neste caso pensamos na nosa, xa que existe dende 1979-.

Os concellos son practicamente un invento do século pasado (ano 1835). Mentres os casteláns se definen por pobos, os galegos funcionan por parroquias. E ela, centro vital, afronta a dificultade de non ser recoñecida xuridicamente.

Pola súa propia territorialidade, e mesmo pola forza que a parroquia ten no proceso de socialización do individuo e da colectividade –adro, bautismo, misa parroquial, matrimonio, cemiterio, traballos colectivos, montes comunais, festas… etc,- a parroquia é elemento aglutinante e identificador.

A nosa parroquia da Xunqueira, pola súa recente constitución, non ten tódolos devanditos elementos, pero vaise configurando con algúns deles e con outros novos. Pola súa ubicación como barriada de Vilagarcía asemellase ás parroquias urbanas, onde os lindes non son tan precisos e teñen menos importancia. Por iso o sentido de pertencer a ela é máis optativo e voluntario ca no mundo rural, onde todo está máis predeterminado e con escasa capacidade para a elección voluntaria do espacio para vivi-la vida e a fe.

Unha das características do mundo moderno e tamén das súas conquistas fronte a rixidez da natureza e das estruturas do “antigo rexime”, é o sentido da liberdade e da autonomía personal, non herdada, senón conquistada por opcións tomadas. E o estar alí porque eu o quero, conleva máis responsabilidade se se quere. Esta é a grandeza e a debilidade da pretensa a grupos e institucións non inevitables senón elixidos.

            Unha institución deste tipo ten que empezar a crear espacios para o coñecemento das persoas que proceden de sitios moi distintos. Por iso a nosa parroquia vén a traballar moito por esta tarefa de coñecemento e convivencia entre os seus membros. Polo mesmo viuse a necesidade da creación do Obradoiro Cultural no ano 1989, xa que moitas actividades, de tipo cívico-social teñen sempre lugar no centro de Vilagarcía e non se achegan á diáspora. Isto padecémolo tanto por non estar no centro como por non ser do rural (pensemos por exemplo nas “casas de cultura”). Nos papeis do Concello e mesmo da Diócese somos Vilagarcía, de feito, segundo o Dereito Eclesiástico, as parroquias de Vilagarcía-cidade son dúas: Santa Baia e Xunqueira.

Pero do dito ó feito vai moito treito….

Pois ben no noso Obradoiro parroquial hai diversidade de actividades lúdicas e culturais –con moi poucos medios- cada quince días, festas como o Magosto o Entroido e o Nadal (adicada preferentemente esta última ás persoas maiores), xuntanza dos mércores pola tarde para os maiores que queren botar unha partidiña e tomar un café. De cando en vez tamén serve para reunión de comunidades de veciños, para ensaio e actuación dos grupos de teatro e musicais. Tamén é usado polo noso grupo de Baile e Gaitas Parroquial, asemade reúnense eiquí o grupo de monitores da parroquia. Os colexios próximos á parroquia úsano para conferencias, mesas redondas e festivais. A catequese de preadolescentes tamén ten lugar neste local. O grupo de xoves e mozos desta parroquia fan os seus festivais eiquí. E ata para durmir grupos de persoas que ocasionalmente veñen a Vilagarcía e aquí son acollidos (Scouts, mocidade rural, peregrinos, …). Habería que falar tamén dos distintos obradoiros e actividades de ocio que se imparten para mulleres e nenos ó longo do curso académico-pastoral. Isto e moito máis é o Obradoiro Cultural. Penso que é un espacio de acollida para o coñecemento e a convivencia de propios e estraños. Un factor de humanización. E todo isto é posible gracias ó traballo  caladiño de moitas persoas, pertencentes á Asociación Cultural ou outros fregueses que senten a parroquia como algo seu e na que brindan presencia e traballo gratuíto para todos.

            Pode xurdir a pregunta: ¿pero isto é tarefa específica dunha parroquia? ¿non é un labor de suplencia ante as deficiencias dunha sociedade civil e mesmo administrativa, invertebrada? Si e non. Non se pretende duplicar espacios cando se fala moito da “administración única”. Tampouco queremos traballar na liña de “nacionalcatolicismo”, facendo dobres para “non contaminarse co mundano”. Isto tamén é evanxelizar, levar a “Boa Nova” á vida das persoas. O Concilio Vaticano II fala de que todo o verdadeiro humano é propio dun seguidor de Xesucristo, pero tamén é verdade que unha parroquia non se pode reducir a isto.

A carón da parroquia, edúcase nos valores evanxélicos: coñecemento, xuntanza, sentido de familia de festa, desenrolo de inquedanzas culturais e de melloras socias, potenciación das persoas polo que son e non polo que teñen, alternativas ó ocio consumista que despersonaliza e embrutece etc…

            Ultimamente a preocupación dos mellores pensadores e traballadores da Igrexa vai pola canle da NOVA EVANXELIZACIÓN e por achegala ós alonxados.

Hai que empregar novos métodos, novos estilos, novas ilusións e tarefas dende a parroquia. A importancia da mesma non é tanto polo que fai canto polo que é, e pola calidade humanizadora que aporta á vida das persoas. Hai que mellorar en talante e mesmo en estruturas máis participativas, abertas e coa responsabilidade de uns e de outros. A parroquia non debe ser un castelo senón unha praza pública, un tren popular, unha familia acolledora e servidora de todos, por enriba de ideoloxías e clases sociais… Nesta tarefa teremos que seguir aprendendo de Xesús que pasou polo mundo facendo o ben, abaixándose a todos para humanizalos máis.

            Axudémonos todos a non deixar este camiño que merece a pena e enche a vida. Hoxe, máis ca nunca, é preciso pertencer a unha institución para enfortecela e que nos enforteza. As portas seguen abertas…

D. José, o cura que vos acompaña